Tiempo de lectura: < 5 minutos
Destacado

Zamburiña, como distinguila das volandeiras e das vieiras do Pacífico

Post modificado el 7 Marzo, 2022

A zamburiña é como o mostruo do Lago Ness, moita xente di que a ten visto, pero a maior parte das veces non é así. Coa denominación "zamburiña", especie bastante escasa sobre todo tendo en conta a demanda nos mercados, adóitanse vender masivamente outras dúas especies, a volandeira e, nos últimos anos, a vieira do Pacífico. A primeira tamén propia de Galicia, a segunda importada de países como Chile ou Perú.

Detalle da zamburiña, da volandeira e da vieira do Pacífico
A única zamburiña é a do centro da foto. Á súa esquerda volandeira, á dereita vieira do Pacífico. Como podemos observar, a zamburiña ten a cuncha máis alongada, menos redondeada, con moitos mais radios...

Zamburiña, o Santo Graal dos bivalvos

A zamburiña (Chlamys varia) realmente non é difícil de distinguir das outras dúas especies. A primeira vista xa se pode ver a súa forma mais ovalada e que a cuncha ten moitos máis radios e mais mestos. As "orellas" tamén son moito máis desiguais. Normalmente ten unha cor violácea escura aínda que as cores poden variar, incluso existe unha subespecie "alba".

Zamburiña Chlamys varia
Zamburiña (Chlamys varia) coa súa típica cor violácea escura, aínda que isto pode variar, a cuncha ovalada e
cos radios moi mestos e as orellas desiguais.

Volandeira, a "zamburiña" que non é zamburiña

A volandeira (Aequipecten opercularis), a especie que historicamente vendíase no lugar da zamburiña, ten unha forma moito mais redondeada e con menos radios na cuncha. As orellas tamén son asimétricas, aínda que menos ca as da zamburiña. A cor pode ser rosada, alaranxada...

Volandeira Aequipecten opercularis
A volandeira, especie que tradicionalmente se vendía no lugar da zamburiña. A primeira vista xa chama a atención a súa cuncha moito máis redondeada e con menos radios e as orellas menos desiguais.

Vieira do Pacífico, gato por lebre frecuente

Vieira do Pacífico (Argopecten purpuratus), dun tempo a esta parte inundou os mercados galegos, importada de América do Sur, e véndese frecuentemente no lugar das verdadeiras zamburiñas. Ao igual ca a volandeira, ten unha forma máis redondeada ca a zamburiña e cos radios menos mestos. Esta especie é importada de América do Sur en tal cantidade que está desprazando a zamburiñas e volandeiras.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

linkedin facebook pinterest youtube rss twitter instagram facebook-blank rss-blank linkedin-blank pinterest youtube twitter instagram