Castro de Taramancos, cúmprense dez anos da súa destrución
Cúmprense dez anos da destrución dun dos xacementos arqueolóxicos mais importantes do Barbanza, o Castro de Taramancos en Noia. Como ben sinalou no seu momento o escritor noiés Maxi Olariaga, “Othar, o cabalo de Atila, cabalgou de novo por terras noiesas, esnaquizando a terra na que os nosos antepasados celtas naceron, amaron e sobreviviron ao inimigo que viña de Roma”. O Castro de Taramancos, que se mantivo oculto durante séculos a poucos metros da praia de Testal, foi esnaquizado en poucas horas polas escavadoras enviadas pola Xunta de Galicia. Non se podía parar o progreso, nin a especulación...
No poboado viviu xente dende a Idade de Bronce ata o século IV DC.
Neste castro, descuberto durante a realización das obras da Ponte, viviu xente desde a Idade de Bronce ata o século IV DC. Testemuña de todos eses séculos de vida son os cuncheiros que se podían ver no lugar, onde os antigos “noieses” foron amoreando ao longo dos anos berberechos, lapas, mexillóns e, sobre todo, enormes cantidades de ostras que extraían na praia de Testal, hoxe en día o principal banco marisqueiro de Galicia.
A especulación venceu á cultura, unha vez mais.
Moita xente opúxose á destrución do Castro de Taramancos. Desde o Concello de Noia, sendo alcalde Rafael García Guerrero, ata multitude de persoas da cultura, que non podían entender como non se estudaba o xacemento en profundidade e se buscaban alternativas ao trazado da Ponte. De nada serviu, xa podería estar soterrado naquel lugar o sartego de Tutankamón, a prioridade era non retrasar a construción da Ponte.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas actuando só como Consellería de Infraestruturas
Ao longo do mes de setembro de 2011 foron desmantelando, e trasladando, algunhas das pedras do Castro de Taramancos para gardalas nalgún almacén, como se se puidera separar o valor das edificacións do lugar no que foron levantadas. Non se escavou máis, mellor non saber. Axiña entraron as escavadoras enviadas polo Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, que non pasará á historia polo seu respecto pola cultura nin o medio ambiente, e o Castro de Taramancos, que sobreviviu á invasión romana e a miles de anos de historia, pasou a mellor vida. Esperemos que as futuras xeracións teñan máis sensibilidade ca estes políticos adoradores do Deus Formigón.