O lobo, grande predador do xabaril ou porco bravo
Moita xente, interesada na caza do lobo, discute a capacidade desta especie no control das poboacións de porco bravo. Pola contra, os estudos feitos ata o momento destacan, non só a tremenda efectividade do Canis lupus na predación de xabarís (Sus scrofa), senón a súa importancia no control de diversas enfermidades.
Toscana, un pequeno grupo de lobos caza 70 xabarís ao ano
Un dos estudos mais coñecidos sobre esta materia foi realizado entre os anos 2000 e 2010 na Toscana polo departamento de Zooloxía e Xenética Evolutiva da Universidade de Sassari. Ao longo de 10 anos fíxose seguimento a un grupo de lobos que oscilou entre os 2 e os 6 membros nun territorio de 120 quilómetros cadrados. O resultado foi que este pequeno grupo cazou, cada ano, unha media de 70 xabarís e 52 corzos.
Nas zonas con lobos a tuberculose animal baixa do 26% ao 0,1%
No ano 2019 publicáronse os resultados dun estudo feito en Asturias co título "Os lobos contribúen ao control de enfermidades nun sistema multi hóspede" no que tamén se comprobou que os lobos son grandes predadores de xabarís e, ademais, contribúen ao control de enfermidades, evitando que pasen ao gando e ás poboacións humanas.
Os autores constataron que os xabarís son un compoñente clave da dieta dos lobos sobre todo os exemplares novos ou enfermos. Deste xeito, nas zonas sen lobos o número de porcos bravos infectados de tuberculose chegaba ao 26% mentres que nas zonas con lobos o número de animais con esta enfermidade era de só o 0,1%.
A conclusión deste estudo é clara. O custo anual das indemnizacións pagadas aos gandeiros por ataques de lobo ao gando en 2014 foron de 1.016.860 €, mentres que o gasto anual do plan de erradicación da tuberculose bovina é de 4.163.348 €. Os lobos poden ser grandes aliados dos granxeiros.
Tal e como constatan os estudos feitos na Toscana e Asturias, os lobos son grandes predadores de xabarís, sobre todo de exemplares xuvenís e enfermos, e contribúen á erradicación de enfermidades que posteriormente poderían pasar ao gando a aos seres humanos. Sendo, polo tanto, imprescindibles nun ecosistema san e equilibrado. Tendo en conta, ademais, que a maior parte dos ataques de lobo ao gando son a poldros e tenreiros de poucos días, a solución a este problema non debe pasar pola eliminación dos lobos senón na protección do gando, sobre todo nos primeiros meses de vida.