Ninguén espera ver voitres leonados na Serra do Barbanza, costa sur da provincia da Coruña, pero o certo é que nos últimos anos non son excepcionais os avistamentos dunha das aves mais grandes que se poden ver en toda a Península Ibérica.
Grupo duns 30 voitres leonados na Serra do Barbanza
Estabamos paseando pola Serra do Barbanza cando, ao lonxe, vimos planear un grupo dunhas 30 aves de grande tamaño. A distancia era moi grande e custaba distinguilas, aínda que estaba claro que gaivotas non eran. Achegámonos un pouco máis e puidemos comprobar que eran voitres leonados (Gyps fulvus). A verdade, un imaxina a estas aves noutras zonas, polo que era un pouco raro velos planear coa Ría de Muros e Noia ao fondo, aínda que, como dixen antes, esta estampa cada vez comeza a ser máis frecuente en toda Galicia.
Como se achegaba a noitiña, uns voitres comezaron a pousar nas rochas dun monte de Porto do Son, outros nas árbores. Cando se ocultaba o sol por detrás de Muros e Carnota, só quedaban un par de aves planeando, seguramente coa esperanza de atopar un animal morto co que poder ir a durmir coa barriga chea. Alí pasaron a noite e, pola mañanciña, marcharon a seguir peiteando centos de quilómetros na busca de alimento. Sen deixar rastro, coma se o seu paso pola Serra do Barbanza fose un soño.