Píllara das dunas en Galicia, tres cousas que podes facer para salvar a especie
Comeza unha nova tempada de cría da píllara das dunas, ou píllara papuda, (Charadrius alexandrinus) unha especie da que quedan menos de 100 parellas reprodutoras en Galicia. En marzo empezan a facer os primeiros niños e os últimos polos poden voar ben entrado setembro. Cada ano asistimos a unha perda de niños e morte de crías inaceptable. Hai praias nas que, a pesares dos incansables intentos destas aves que poden facer ata cinco postas nunha tempada, non consiguen sacar nin un polo adiante. Os seres humanos convertimos as praias nun inferno para as píllaras e resto de seres vivos que alí habitan.
Explicamos tres cousas que podes facer para salvar a especie:
1.- Coidar as dunas. Nas dunas das praias de Galicia, alá onde non foron destruídas polo urbanismo, viven algunhas das especies animais, vexetais e de fungos máis asombrosas e ameazadas. Unha delas é a píllara das dunas (Charadrius alexandrinus). As dunas son o lugar onde as píllaras fan moitos dos seus niños. Para as crías, que abandonan o niño ás poucas horas de nacer, aínda son máis importantes as dunas xa que lles ofrecen protección e camuflaxe, sobre todo ao longo do día, cando os areais empezan a encherse de xente. As dúnas non se deben pisar, e moito menos poñer as toallas e parasoles nelas. O Decreto 9/2014 de protección da píllara das dunas establece "o tránsito a pé de persoas e animais domésticos polo cordón dunar quedará limitado a corredores definidos de acceso". Como vemos, isto incúmprese sistemáticamente. Usuarios das praias e autoridades deberían ser máis responsables.
2.- Non deixes mascotas soltas nas praias de cría. Un polo de píllara das dunas pesa uns poucos gramos e tarda case un mes de voar. En todo ese tempo deambula por toda a praia, xunto con un ou os dous proxenitores, á busca de comida e tentando escapar dos múltiples perigos. Que un polo chegue a voar nunha praia con cans soltos é case imposible. Pode librarse un día, pero ao final, acabará morto. Hai praias nas que a mortalidade das crías é do 100%. Outras veces, a presenza de mascotas fai que as aves desistan de facer o niño e marchan da praia ou mesmo abandonan postas xa feitas. Levar os cans atados ou, mellor, levalos a pasear a outros sitios (será por lugares para pasear!) de seguro que melloraría sensiblemente as posibilidades de supervivencia das crías e, en xeral, a vida das aves que viven nas praias.
3.- Sen algas non hai píllaras. Imos ser claros, as algas son o elemento básico das praias, ofrecen alimento ás pulgas de mar (Talitrus saltator), e outros invertebrados, dos que se alimentan as píllaras. Así mesmo, as crías desta ave, empregan as algas, e outros elementos das praias como paus, pedras, cunchas... para camuflarse. Polo tanto, nunha praia sen algas é prácticamente imposible que crien as píllaras, así que debemos deixar de ver a materia orgánica que leva as mareas como lixo. A limpeza das praias débese limitar a retirar o verdadeiro lixo: plásticos, cabos... e debe facerse sempre de xeito manual, nunca con peneiradoras.
As praias son ecosistemas vivos, non simples contedores de area inerte
O Decreto de protección da píllara das dunas (Charadrius alexandrinus) establece outras prohibicións como o transito con cabalos, a práctica de kite buggy, o aeromodelismo, a ala delta con motor... E tamén limitacións á práctica do kite surf, e a actividades deportivas, culturais e turísticas... En resumo, os usuarios das praias deben molestar o menos posible ás píllaras e resto de seres vivos que habitan nas praias. Se ves un niño, avisa á Xunta de Galicia e sepárate del, posiblemente un adulto está esperando que marches para ir a incubar. Se ves un polo, e pensas que está só, déixao, ten por seguro que os seus proxenitores están observando con preocupación. Cando esteas nun ecosistema vivo, como o é unha praia, tes que ser responsable.
Femia de píllara das dunas, defendendo con valentía o seu niño na praia carballesa de Baldaio, mentras se toman as coordenadas gps para posteriormente proceder a balizar a posta cunha gaiola e un perímetro. Deste niño acabaron voando dous polos.
Dar acobillo ás píllaras e protexer a súa prole non é moi doado.Que haxa aves que poñen ovos no chan chámame moito a atención. Desfruto con a lectura destes animaliños. Grazas por todo o traballo de conservación e divulgación.
As píllaras camuflan moi ben os seus niños na area, ademais teñen unha altísima capacidade de repoñer o niño cunha nova posta en caso de perdelo. Ao longo de miles de anos isto funcionoulles e as píllaras prosperaron. A súa existencia complicouse a partires de mediados do sécúlo pasado coa destrución das praias e cordóns dunares con urbanizacións e paseos marítimos e a masificación das praias. Isto supuxo o ocaso das píllaras en Galicia e de moitas outras especies. Grazas a ti.