Se hai un animal que esperta emocións, ese é o lobo ibérico, sen dúbida. Quen o mirou no monte, e sobre todo quen tivo o privilexio de telo escoitado ouvear pola noite na montaña, posiblemente ademais de sentirse moi pequeno, viríase preso dun torrente de emocións que non esquecerá namentres viva. Un momento especial. Sorpresa, ledicia, pode que algo de temor nalgúns casos, serenidade e admiración por unha especie ceibe, coma esa parte salvaxe que non rende contas a ninguén e que nós mesmos botamos en falta. Finalmente, estes encontros rematan cunha exaltación de xúbilo e optimismo, case ledicia, fainos sentir vivos, case coma se o lobo nos axudase a sentirnos libres de ataduras por un momento, lonxe das présas e compromisos da vida cotiá. Por un momento, volvemos á natureza primixenia, rexorden dalgún lugar moi afastado e practicamente esquecido do noso interior, os mesmos sentimentos que tiveron hai miles de anos os nosos antigos, nese intre, sentímonos vivos.
O lobo ibérico (Canis lupus signatus) tamén esperta a nosa imaxinación, ¿quen non escoitou algunha vez historias de lobos con poderes case sobrenaturais, moito máis aló das posibilidades dun animal, extraordinario, si, un depredador, pero tan só un animal? Poucos teñen inspirado tantos contos e lendas coma o lobo. Dende os licántropos, a súa relación co demo que atacaba ás persoas pola noite para facerlles mal, ata a capacidade de botar maldicións, “males”, e deixar ás persoas sen fala ou condenalas a unha morte segura, ata ser o culpable de desgrazas como enfermidades ou pragas nas colleitas. Pero ese é o animal mitolóxico que existe só na nosa imaxinación.
O lobo, un superviviente nun ecosistema altamente humanizado
Dende o Neolítico, momento no que o home se fixo sedentario e comezou a domesticar animais, pasou de ser un aliado a un competidor polos mesmos recursos. Dende entón, o lobo, un dos poucos animais que é quen de competir aínda co home, converteuse no noso gran inimigo. Contrasta con que ao can, que é un descendente directo do lobo, se lle atribúa ser o mellor amigo do home. Na nosa terra, eses mitos e lendas, mestúranse co animal biolóxico, co bicho, que estimándose unha poboación de noventa grupos reprodutores, vive e persiste entre nós e a pesar de nós. Nunha contorna altamente humanizada, é coma un fuxitivo, sempre agochado tratando de non ser descuberto. Ten moitos atrancos, o seu hábitat está profundamente alterado, autoestradas, o omnipresente eucalipto, piñeirais, minas, a proliferación descontrolada na nosa Comunidade de parques eólicos e aeroxeneradores por todas partes, que de aquí a pouco poderiamos atoparnos cun proxecto para instalalos nas illas Cíes, algo que por moi disparatado que soe, tería o respaldo dos nosos políticos. As pistas dos parques eólicos dan acceso a cazadores e furtivos aos lugares máis sensibles para a especie na época de cría, de maio a outubro, e os bichos senten e sofren a presión á que os sometemos. En Portugal, marcáronse lobos con radioseguimento para un estudo, e a metade deles matáronnos de xeito ilegal os furtivos, algún durou tan só dúas semanas vivo dende a colocación da coleira. Na Galiza, a situación apunta que é moi semellante.
Recentemente namentres escoitaba relatar a un compañeiro a persecución que sofren os azores polos colombófilos, persoas que se dedican á cría e adestramento de pombas mensaxeiras, non podía evitar atopar paralelismos co que lle acontece ao lobo na Galiza, ou aos leóns en África que teñen o mesmo problema có lobo co gando. Introducimos animais domésticos sen vixilancia nin protección no seu territorio, e eles, coma depredadores, actúan, aproveitan a oportunidade de alimentarse para sobrevivir. En troques de comprendelo e tratar de convivir, de esforzarnos por pórllo difícil e evitar que teña acceso sinxelo ao gando, como nos molesta todo o que non nos beneficie directamente, recorremos a meter presión á administración para que maten lobos, e se non o conseguimos, facémolo baixo corda (ilegalmente), en certo xeito, co visto bo da Administración que mira cara a outro lado deixando a especie á súa sorte nas mans dos furtivos.
A necesaria convivencia do ser humano co lobo
Moitos soñamos con que os nosos fillos, e os fillos dos nosos fillos, poidan gozar das carballeiras, soutos, sobreirais, montañas sen aeroxenadores, minas nin eucaplitos, onde teñamos o privilexio de atopar a pegada do oso, observar os voos acrobáticos das águias reais no período nupcial, escoitar o ouveo do lobo ou o canto do bufo real. Botamos en falla que se poña en valor e se respecte o noso patrimonio natural, coma o lobo, e que os tempos escuros nos que vivimos e nos que se persegue sen tregua para darlle morte, sexan só contos do pasado, historias de cando o home era tan egoísta que non era quen de compartir nada con outros animais. A existencia dun animal coma o lobo ibérico, un ben de tódolos galegos, non pode depender dos intereses económicos duns poucos gandeiros.
Vive e deixa vivir.
Miguel Mosquera. Presidente de Acopo Fauna