A Morchella dunensis é unha desas xoias que podemos atopar nalgúns dos poucos sistemas dunares que escaparon ao frenesí de paseos marítimos e urbanizacións que esnaquizaron boa parte da costa galega. Nas dunas viven algunhas das especies de flora, fauna e fungos máis asombrosas e ameazadas de Galicia. A Morchella dunensis, para algúns autores Morchella esculenta var. dunensis, é unha delas.
Cogomelo que sae a finais do inverno
Moita xente asocia os cogomelos ao outono, esta seta ven a mostrar que non é así. Este cogomelo sae en primaveira, e incluso antes, os exemplares deste artigo foron fotografados o 14 de marzo de 2022, é dicir, aínda en inverno. En canto á súa localización, podémola atopar tanto no mesmo fronte do cordón dunar, cara ao mar, no medio da ammophila, coma no interior, en claros na metade da duna gris.
Non vale a pena comela, déixaa estar
Moita xente pregunta pola comestibilidade deste cogomelo. Ao respecto hai que dicir dúas cousas. A primeira é que as dunas son sistemas sumamente sensibles, protexidos pola lexislación e que non deben pisarse agás causa xustificada, e coller setas para comer non o é, segundo, quen probou este cogomelo (o autor deste artigo non o fixo, nin pensa) asegura que é imposible limpar a area que se acumula no medio dos alvéolos. Por estas dúas razóns, á Morchella dunensis, unha marabilla da adaptación ao medio dunar, mellor deixala en paz.