Tiempo de lectura: 5 minutos

Turismo masivo en Galicia, un modelo insostible

Post modificado el 17 Setembro, 2022

Nos últimos anos aumentou o número de turistas que veñen a pasar as vacacións a Galicia ata o punto de que en moitos lugares da costa, ou en cidades interiores como Santiago, a masificación turística está a provocar graves problemas para a veciñanza e o medio ambiente.

A promoción, por parte das administracións, de Galicia como destino turístico "low cost" nas modalidades de vivenda turística en alugueiro ou propiedade, autocaravana con "aparcamento de balde" ou turismo de mochila, son os principais responsables de que Galicia se estea convertindo na Meca do turismo masivo. Unha vez degradada a costa Mediterránea, boa parte dos turistas están poñendo o foco en Galicia e están provocando similares efectos negativos que no Levante Peninsular.

Praia de Coira totalmente masificada
Portosín, unha vila costeira de só 613 habitantes, os mesmos que hai 50 anos, esnaquizada polo boom urbanístico de principios de século XXI co argumento "o dono do terreno está dacordo e o construtor, tamén". Agora sufre o turismo masivo apoiado en vivendas turísticas, que ás veces parecen verdadeiros pisos pateira, xustificado co argumento "o dono do piso está dacordo e os turistas, tamén". As principais saídas laborais seguen sendo a pesca/marisqueo e buscar traballo noutros lugares, igual que hai 50 anos.

QUE É O TURISMO SOSTIBLE?

A ONU sinala que o turismo, para ser considerado sostible, ten que selo desde 3 puntos de vista: económico, sociocultural e ambiental. Imos a analizar se o turismo masivo en Galicia cumpre estes requirimentos:

1- Sostibilidade económica: o turismo sostible ten que beneficiar a TODA a comunidade local

A Organización de Nacións Unidas sinala que o turismo, para ser considerado sostible, ten que asegurar unhas actividades económicas viables a longo prazo que beneficien a TODOS os veciños/as e creen emprego estable". O turismo que se está a consentir, e promover, en Galicia, baseado en aloxamentos en vivendas turísticas (en alugueiro e en propiedade), autocaravanas... e aprovisionamento de alimentos en supermercados, non cumpre este requirimento. Na maioría das vilas costeiras galegas, colapsadas de turistas os meses de xullo e agosto, as saídas laborais seguen sendo as mesmas: a pesca/marisqueo ou buscar traballo noutros lugares. Os poucos postos de traballo que crea este turismo "low cost", fundamentalmente na hostalaría e nos supermercados, son de moi curta duración e con salarios baixos.

Supermercado Eroski
As cadeas de supermercados son os principais "restaurantes" para gran parte do turismo que ven a Galicia.

Por outra banda, as vivendas turísticas en alugueiro están a subir os prezos dos alugueiros para a poboación local, e as vivendas turísticas en propiedade, chamadas eufemísticamente "segundas residencias", provocan o mesmo efecto nas vivenda á venda. Todas elas inundan as vilas costeiras galegas con urbanizacións que soen permanecer coas persianas baixadas 10 ou 11 meses ao ano. Así mesmo, este tipo de turismo fai competencia a pequenos establecementos hoteleiros, casas rurais... A regulación e limitación das vivendas turísticas nas vilas da costeiras, e en cidades turistificadas como Santiago, é imprescindible.

Evolucion das vivendas de uso turistico en Galicia

As modalidades de autocaravana con aparcamento "de balde" e turismo de mochila tamén deixan poucos cartos nas zonas por onde pasan. Polo tanto, este turismo que está a sufrir Galicia non está reportando apenas beneficio económico para a comunidade local.

Xunta de Galicia 250 millons no Xacobeo
Desde as administracións galegas estase a promover un turismo de ínfimo valor engadido con cantidades millonarias de cartos públicos.

2- Sostibilidade social: o turismo non debe causar problemas sociais ou culturais

Outro dos requirimentos da ONU para un turismo sostible é que este non cause problemas sociais. Neste sentido, o turismo masivo que está a recibir Galicia está a provocar problemas de ruídos, de aparcamento, atascos, masificación de praias, leva ao límite os servicios municipais que non están preparados para recibir un número de visitantes que multiplica por varias cifras a poboación local... en moitas vilas costeiras os veciños van aguantando coa esperanza de que chegue o mes de setembro, noutras como Compostela, co turismo masivo desestacionalizado polo Camiño, a xentrificación do lugar e o éxodo de santiagueses cara a concellos limítrofes é constante. Un turismo que expulsa aos veciños dos seus barrios e vilas non se pode considerar sostible.

Xentrificación Santiago de Compostela
Un turismo que expulsa aos veciños/as dos seus barrios e vilas non pode considerarse sostible. Nova de El Correo Gallego sobre a xentrificación na Zona Vella de Santiago de Compostela.

3- Sostibilidade ambiental: o turismo debe respectar a biodiversidade

O terceiro requirimento que sinala Nacións Unidas para un turismo sostible é que manteña os procedementos ecolóxicos esenciais e respecte os recursos naturais e a diversidade.

Requirimentos do turismo sostible
O turismo sostible ten que selo desde o punto de vista social, económico e ambiental. O turismo que se está a promover en Galicia non cumple ningún destes tres requirimentos.

O turismo, a nivel global, é unhas das actividades económicas mais contaminantes do Planeta e xa produce preto dun 10% dos gases de efecto invernadoiro, cifra que non para de aumentar. No caso da turistificación que esta a sufrir Galicia, o impacto negativo detéctase de forma evidente nos ecosistemas costeiros onde a fauna e flora local sufre unha gran presión. En zonas insulares como Cíes, Areoso... o impacto multiplícase.

Niños de píllara das dunas nunha praia de Aguieira masificada
Dous niños de píllara das dunas (Charadrius alexandrinus), especie da que quedan menos de 100 parellas en toda Galicia, no medio dunha marea de xente na praia da Aguieira - Porto do Son. Moi poucas crías chegan a voar.

Conclusión: O turismo masivo en Galicia, un modelo insostible

En Galicia estase a promover un turismo masivo que non cumple con ningún dos requirimentos establecidos pola ONU para ser considerado sostible. A masificación turística nin beneficia económicamente á maioría de poboación local, nin mellora a calidade da xente, nin respecta a biodiversidade. Ao contrario, está a facer a vida moi difícil aos veciños, ata o punto de facer que marchen dos seus barrios e vilas, e presionando de forma crecente o medio natural.

Autocaravanas aparcadas na praia de Xuño, en Rede Natura
Autocaravanas aparcadas a poucos metros das dunas de Xuño, en plena Rede Natura, onde durmen, comen, cean e almorzan, en moitas ocasións, mesmo con mascotas soltas... imaxe que se repite en toda a costa galega. Esta actividade non é respectuosa co medio ambiente nin sustentable.

Un dos argumentos demagóxicos para defender o modelo de turismo masivo que está a sufrir Galicia é que a xente "pobre" ten dereito a ir de vacacións. Calquera que vaia a unha vila costeira galega no verán comprobará que a gama dos vehículos é moi superior á que hai no resto do ano, sinal de que moitísimos usuarios de piso turístico teñen un alto nivel adquisitivo pero que non deixan apenas cartos.

Por outra banda, en vez de alugar o piso turístico na costa todo o mes, como é habitual, se os turistas non queren gastar cartos ao mellor deberían plantexarse ir menos tempo de vacacións. O turismo masivo de vivenda turística, autocaravana con aparcamento "de balde" ou de mochileiros con avituallamento en cadeas de supermercado debería ser a excepción, non a norma.

Turismo masificado infraestruturas novas

O dereito da poboación local a un medio ambiente saudable, ao descanso ou a unha vivenda digna está moi por riba a ir de vacacións, sin deixar apenas beneficios no lugar que os acolle, e provocando danos ambientais e sociais tremendos. O turismo masivo en Galicia é un modelo insostible.

Praia de Sanxenxo masificada
Sanxenxo, un concello con 17.000 veciños, 12.000 vivendas turísticas en propiedade e un número indeterminado de pisos turísticos en alugueiro. Por desgraza, moitas outras vilas costeiras van polo mesmo camiño.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

linkedin facebook pinterest youtube rss twitter instagram facebook-blank rss-blank linkedin-blank pinterest youtube twitter instagram