Tiempo de lectura: 5 minutos

Cesárea, con éxito, a un ovo de píllara das dunas en Baldaio

Post modificado el 19 Xullo, 2022

Cando o pasado 14 de xuño fun facer o seguiento ás pillaras das dunas (Charadrius alexandrinus) da praia de Baldaio non imaxinaba que ía vivir un deses momentos máxicos que me acompañaran toda a vida. Esa tarde ao entrar pola zona norte da praia, vin que nun dos niños que tiñamos balizados só eclosionara un dos ovos e a cría, xunto cos seus proxenitores, xa marcharan do lugar na busca dun sitio mais seguro. Quedaran no niño dous ovos sen eclosionar, un deles, moi enterrado na area, tiña un pequeno buratiño, vese que a pobre cría non fora capaz de romper o ovo e morrera intentando saír. Iso pensabamos.

Ovos de pillara das dunas sen eclosionar en Baldaio
Dos tres ovos que tiña o niño de píllara das dunas, dous quedaron sen eclosionar e foron abandonados polo proxenitores . Un deles, o da dereita, estaba moi enterrado na area, a través dun pequeno buratiño a cría pide axuda e intenta saír desesperadamente.

O ovo non estaba tan morto como parecía

Seguín o meu camiño pola enorme praia de Baldaio-Razo facendo o seguimento aos niños e polos de píllara que había pola praia. Un par de horas despois, cando xa ía marchar da praia, non sei por qué razón se me ocurríu ir de novo xunto aos dous ovos que quedaran por eclosionar e sacarlle unha foto "de recordo". Non acostumo a facelo xa que non é raro que quede algún ovo sen eclosionar, aínda que dous non é o normal. A cuestión é que cando achego o meu teléfono móbil ao niño, paréceme ver que polo diminuto burato que ten un dos ovos algo se move. Non dou crédito. Nisto escoito un chio que sae de dentro. O animaliño pedía socorro dicindo, ¡estou aquí, estou aquí!!!. Quen sabe as horas que o animal levaba dentro intentando romper o ovo sen conseguilo.

Ovo de pillara sen eclosionar
Detalle do ovo sen eclosionar. A través do pequeno burato a cría pedía axuda, iso foi o que lle salvou a vida.

Había que sacar ao animaliño de dentro da súa cárcere xa que probablemente non lle quedara moito de vida. Collín o ovo e, con moito coidadiño, fun rompendo a cáscara, cachiño a cachiño. Notábase que o ovo levaba moitas horas intentado saír xa que o pito, que normalmente sae bastante húmedo de dentro do ovo, neste caso estaba case seco, coa cáscara moi pegada, sinal de que fora perdendo a humidade a través do buratiño. Con todo, ao final conseguín sacar ata o último anaco da cáscara e o polo quedou liberado.

O polo de píllara das dunas intentaba sacar o peteiro polo buratiño e non parara de chiar, isto foi o que lle salvou a vida.

Traslado de urxencia

Rápidamente se avisou ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Oleiros, que teñen unha gran experiencia na cría de polos de píllara, de feito as pobres estadísticas de píllaras que cada ano consiguen voar nas praias de Galicia son "maquilladas" polos ovos que se incuban nese centro provintes de niños que van ser levados pola marea, que morreron os seus proxenitores, ou están nun sitio totalmente inviable... Como digo, en Oleiros xa estaban sobre aviso esperando a chegada do poliño de Baldaio.

Cría de pillara das dunas liberada do seu ovo
Cría de píllara das dunas nada mais ser liberada do seu ovo, só el sabe o alivio que debeu sentir.

Mentras esperaba polo axente de medio ambiente que o viña a recoller á praia para levalo para Oleiros, saquei a miña camiseta e tapei ao animal. Comezaba a chover e facíase de noite. Non era plan que agora morrera de hipotermia. Ao cabo dun tempo chegou ao axente e o noso amiguiño foi camiño para o seu novo fogar. Se todo ía ben, e o animal non quedara moi debilitado por todo o tempo que estivo intentando saír do ovo, despois dun mes no centro de recuperación o animal xa sería quen de voar.

Cría de píllara das dunas protexida cunha camiseta
Cría de píllara das dunas (Charadrius alexandrinus) protexida cunha camiseta momentos antes de partir para o Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Santa Cruz de Oleiros.

O noso amiguiño desde o primeiro momento demostrou que tiña moitas gañas de vivir e que era un lambón, comía sen parar co que rápidamente foi gañando peso. Tiña de compañeiros a un par de poliños que naceran un día antes na incubadora e xuntos comezaron a súa aventura neste mundo.

Colorín colorado...

O 13 de xullo de 2022, xa grande e forte, e con moitas gañas de comer o mundo foi liberado nun areal xunto cos seus compañeiros do Centro de Recuperación. Desexámoslle toda a sorte do mundo a él  e a todas as píllaras das dunas que intentan saír adiante nas praias de Galicia. Nestes intres quedan menos de 100 parellas en toda a Comunidade, cada exemplar é un tesouro que debemos respectar. Fagamos das nosas praias un lugar máis habitable para os seres que habitan nelas.

Polo de píllara das dunas no momento de ser liberado
O polo de píllara das dunas no momento de ser liberado nunha praia o 13 de xullo de 2022 donde comeza a súa vida en liberdade. A foto cortesía da boa amiga, e gran defensora das píllaras das dunas de Galicia, María Vidal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

linkedin facebook pinterest youtube rss twitter instagram facebook-blank rss-blank linkedin-blank pinterest youtube twitter instagram