Tiempo de lectura: 5 minutos

O Salnés, aumenta o número de turistas e cae o número de veciños

Post modificado el 26 Setembro, 2022

A Mancomunidade de concellos do Salnés ven de facer público que o número de turistas que recibiron multiplicouse por dez na última década. Poderíase pensar que este espectacular aumento de turistas levaría consigo un aumento no número de habitantes, atraídos polos postos de traballo que se supuña que deberían crear case un millón de turistas e catro millóns de visitantes, pero non é así, a poboación no Salnés caeu en 1.773 habitantes nos dez últimos anos. Os beneficios do turismo masivo para os veciños, en entredito.

Evolución da poboación do Salnés nos últimos 10 anos
Mentras o número de turistas no Salnés multiplicouse por 10 na última década, a poboación en 7 dos 9 concellos da Manconumidade caeu. Ao Salnés chegan os turistas en masa e escapan os veciños.

O Salnés perde 1.773 habitantes na última década

Os políticos do Salnés presumen de ter máis vivendas turísticas e prazas hoteleiras ca ninguén, do que non poden presumir é de que isto estea repercutindo na calidade de vida nos veciños. Sete dos nove concellos da zona perderon poboación na última década. A calidade dos postos de traballo que crea este turismo soen ser precarios, mal pagados e limitados aos meses do verán. Pola contra, os prezos dos alugueiros e das vivendas á venda convertíronse en imposibles para gran parte dos veciños da zona que non teñen outra opción que marchar, sobre todo das zonas máis apetecibles para os turistas.

Sanxenxo proxecta 1625 vivendas e un campo de golf
Sanxenxo é un concello con pouco máis de 17.000 veciños. A pesares de ter só 49 habitantes máis ca hai 10 anos, e de contar con 12.000 "segundas residencias" e un número indeterminado de vivendas turísticas de alugueiro, o concello proxecta 1.625 novas vivendas e un campo de golf. Tampouco parecen moi preocupados pola seca e o cambio climático.

Outros impactos negativos desta masificación turística so Salnés son as molestias por ruidos, atascos, masificación das praias, servizos públicos ao límite por que, como é lóxico, están preparados para 100.000 personas que viven no lugar todo o ano e non para o millón de turistas que reciben no verán, medio ambiente totalmente presionado, sobre todo na costa...

O Salnés recibe 10 veces máis turistas ca hai 10 anos
O turismo sostible ten que selo desde o punto de vista social, económico e ambiental. O turismo que se está a promover na costa galega non cumpre ningún dos requirimentos.

No Barbanza, Muros e Carnota a xentrificación/turistificación tamén está a medrar

Cansados da masificación do Salnés, moitos turistas comezaron a desprazarse cara o norte, á zona do Barbanza, Muros e Carnota, onde a presión turística está a medrar espectacularmente. As consecuencias son igual de negativas que no Salnés, e todos eles tamén están a perder poboación. O turismo non está a ser un motor para fixar poboación na costa galega, ao revés, está expulsando aos veciños dos seus barrios e vilas, desprazados por turistas que, pouco a pouco, van expulsando á poboación local. A xentrificación e turistificación da costa galega xa está aquí. As administracións non poden seguir mirando para o outro lado e considerar un éxito o feito de ter maís turistas que o ano anterior.

Edificios en Portosín (Porto do Son)
Portosín (Concello de Porto do Son). Vista dunha das zonas onde os edificios, case todos de uso turístico, permanecen prácticamente baleiros 10 meses ao ano. Estas urbanizacións substituiron nás últimas décadas ás vivendas unifamiliares. O Concello de Porto do Son perdeu o 16% dos veciños nos últimos 25 anos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

linkedin facebook pinterest youtube rss twitter instagram facebook-blank rss-blank linkedin-blank pinterest youtube twitter instagram