Cidades como Tetris: urbanismo salvaxe na Coruña
Calquera persoa que a día de hoxe cumpra os 40 anos, darase conta da metamorfose profunda que ocorreu na paisaxe que a rodea.
O cambio nas zonas rurais e espazos naturais é profundo e moi afastado do desenvolvemento sostible, ou de crear un espazo no que a biodiversidade poida convivir connosco: quilómetros e quilómetros de autovías, autoestradas, estradas, aparcamentos, parques eólicos, polígonos industriais e un longo etc de infraestruturas construídas sen ter en conta ningún aspecto ambiental e moi poucos de eficiencia no gasto público.
Ademais, a maior parte delas, sobredimensionadas.
Cada vez mais estradas
En plena era da mobilidade sostible e alternativa seguen aumentándose os quilómetros e os espazos destinados aos vehículos, algo incompatible coa mensaxe que se pretende vender de que é necesario utilizar menos o coche.
Vivimos nun modelo que só entende a evolución das sociedades baixo o mantra de construír máis, máis grande, máis alto e que nos permita ir máis rápido. Serge Latouche acuñou aquela frase de que “un crecemento infinito non é posible nun planeta finito”, unha verdade esmagadora e evidente que como sociedade aínda non asimilamos.
Dentro das cidades a tendencia non é distinta. Calquera espazo verde é visto como un espazo baleiro, sen nada, un lenzo en branco para todos os proxectos que se lle ocorran ao político de turno, sempre por suposto, deixando a un lado calquera consideración ambiental ou de esparcimento humano. É un lugar onde verter cemento en calquera das súas modalidades: levantar un edificio de vivendas, crear unha mole multiusos para un fin que “xa se decidirá”, crear unha cancha de baloncesto, unha pista de tenis, un parque infantil, unha estrada ou calquera outra cousa que non sexa manter un espazo verde. É entender as cidades como aquel xogo do Tetris, onde todo o baleiro enchíase con pezas que encaixasen entre elas, o obxectivo era enchelo absolutamente todo.
Infraestruturas proxectadas sen ter en conta criterios ambientais
A falta de criterios ecolóxicos na proxección deste tipo de infraestruturas de gran impacto ambiental pódese ver na cidade da Coruña coa creación da terceira rolda: era evidente que esta vía atravesaba a zona de paso natural de moita fauna silvestre á periferia da cidade e á zona de prados dos Mariñeiros. Proba disto foi que cando se abriu ao tráfico era raro o día que non aparecese atropelado na súa cuneta un raposo, un ourizo ou un teixugo. Especies que xa estaban aí antes da creación desta vía e que non se tiveron en conta para nada á hora de proxectarse unha nova vía de circulación nunha cidade que, en teoría, avanza cara a un menor uso dos vehículos (de tolos).
Urbanización constante e imparable dos espazos naturais
Dentro destas políticas absurdas, nas que o único que prima é o interese das empresas promotoras e construtoras e o aumento na recadación de impostos sobre bens inmobles asociados á urbanización dun espazo verde (as vivendas pagan IBI, as árbores non), podemos resaltar o proxecto de urbanización dun espazo verde, arbolado, semirrural na cidade da Coruña: é a zona do Ágora-Ventorrillo-Os Mariñeiros.
A día de hoxe, este barrio ten a desgraza de ser un dos de máis alta densidade de poboación de Europa (máis de 6300 habitantes por metro cadrado segundo os datos do propio concello da Coruña). Vítima do “desarrollismo” español dos anos 60, que se rexía pola premisa de máis grande, máis alto, máis cantidade, sen ter en conta que neses edificios vivían persoas que nalgún momento saían das súas casas e necesitaban ter un espazo no que poder esparexerse, dar un paseo, levar aos seus fillos a xogar, sentar nun banco á sombra dunha árbore, pasear ao seu can, etc... Este tipo de desenvolvemento levou tamén a que este barrio sexa un dos que presenta, a día de hoxe, unha maior depreciación do prezo da vivenda.
Neste momento, os intereses dos de sempre pasan por encima da poboación e o medio ambiente e sobre esta zona se cerne de novo a ameaza dun desarrollismo salvaxe: o concello proxecta construír unha nova urbanización con 4.000 vivendas en edificios de gran altura: bloques que superan as 10 plantas e algúns as 20.
O que era isto:
Pasará a ser isto:
A opinión dos veciños afectados, como sempre, non foi un factor para ter en conta, proba diso son os movementos de oposición veciñal que se están dando nesta zona.
O proceso adoita ser tal que así: un primeiro proxecto de urbanización da zona con edificios de 10 e 20 plantas, unha protesta veciñal e finalmente un proxecto con edificios de 9 e 19 plantas. Desta forma o espazo verde quedou igualmente destruído e os veciños teñen a sensación de que conseguiron algo, pero o resultado é que os únicos que conseguiron algo son o concello e os seus IBIs, a promotora e as construtoras.
Resultado: esa zona verde, que constituía un pulmón para a cidade e para o barrio, un refuxio para a tan maltreita biodiversidade que ten a desgraza de tentar sobrevivir connosco, queda destruído para sempre, sen ningunha posibilidade de recuperalo.
Un futuro insostible
A pregunta é: cando se acaben de abarrotar as cidades e de destruír as zonas de esparexemento, que? Como van continuar o desenvolvemento urbano? Urbanizarase o mar? As persoas que vivimos aquí dentro que nos espera? Unha xungla de asfalto e edificios? Non somos capaces de entender que nun espazo verde en realidade é onde está todo?
M.R.