Homenaxe ao Carballo da Chaínza, a árbore máis famosa da historia de Noia
Non hai discusión, o Carballo da Chaínza era a árbore máis famosa e querida da historia de Noia. Digo "era" porque o seu tronco, que levaba anos seco, caeu o 6 de xaneiro de 2014, día de Reis, vítima dos fungos, dos insectos e, en realidade, do paso do tempo. Un temporal tronzouno e acabou cun símbolo tan representativo de Noia como a estatua de Felipe de Castro, a Igrexa de San Martiño ou as laudas gremiais de Santa María a Nova.
O Carballo da Chaínza ten a folla revirada...
Moitos veciños do lugar, cando pasabamos xunto ao vello carballo, non podiamos evitar recitar a famosa copla "o carballo da Chaínza ten a folla revirada, que lla revirou o vento nunha noite de xeada". Este mantra foi pasando de boca en boca, de xeración en xeración, convertíndose case nunha plegaria que nos acompañou ao longo das novas vidas.
Símbolo de festas, romarías e esmorgas
A importancia da árbore foi recollida no libro, Efemérides Noiesas, publicado en 1971, que fala así do carballo, "É todo un símbolo. Non hai festa, non hai romaría, non hai esmorga, que non cante a copla que vén de xeración en xeración... Os emigrantes, cántana nas súas reunións. É a árbore da Noite de San Xoán, debaixo del as meigas celebran as súas xuntanzas; os noivos danse cita; os vellos murmuran; rexouban as vellas, cóntanse os seus recordos; os nenos xogan. Bendito carballo que se reviran as súas follas, pero que non as murchan as xeadas; que cada primaveira abrollan con máis forza. O carballo viva séculos".
Non hai nada eterno, o tempo sempre gaña
Non hai nada eterno, nin os lonxevos Quercus robur, pero o paso do tempo non conseguirá borralo da nosa memoria, nin da historia de Noia. Ao seu caron prantaran un novo carballo, unha nova vida, quen sabe se dentro de centos de anos inspirará novas coplas. Con todo, sirva este pequeno post como homenaxe ao centenario carballo.