Hai 60 anos chegaba a Galicia Ence coa oposición de tan só unhas poucas persoas que valoraban o seu patrimonio natural, a súa contorna e que sabían ver máis aló da demagoxia da época.
Como todos sabemos non conseguiron parar o que se nos viña encima. Eran poucos e España aínda vivía dentro dunha ditadura. O resto da poboación de Galicia consentía ou non se decataba.
As consecuencias daquilo
60 anos despois o bosque galego prácticamente desapareceu baixo a despensa de eucaliptos de ENCE, 600.000 hectáreas de eucaliptais, que consomen unha boa parte da auga do país, moita máis auga que as especies autóctonas ademais de favorecer os incendios forestais.
A paisaxe de Galicia simplificouse ata o extremo, facéndonos perder unha boa parte da nosa biodiversidade, que é patrimonio de todos, de nós e dos que veñen despois. As novas xeracións non terán a ocasión de coñecer un bosque galego, máis que indo aos pequenos redutos que quedan en Lugo e Ourense e que tamén se atopan ameazados por intereses varios. Neste punto é necesario lembrar que o plan forestal de 1992 prevía 245.000 hectáreas de eucalipto en Galicia para 2030. Increíble.
Sacrificar todo polos intereses dunha empresa
En poucos lugares unha soa empresa condiciona todo o patrimonio natural e cultural de toda unha comunidade autónoma. A cambio, 400 empregos directos (só Bimba e Lola en Galicia xera 729 empregos directos) e un número difícil de calcular de empregos indirectos, entre os que se atopan moitos contratos precarios e temporais e outros transportistas que non viven en exclusiva do eucalipto.
Neste punto é importante resaltar que a ecoloxía non está rifada coa industria, pero claro, segundo con que industria.
Outro máis a facer negocio coa nosa terra
Ano 2024, outro monstro vén instalarse en Galicia, aproveitando a situación dun territorio galego arrasado a favor de Ence, Altri di: pois eu tamén, e se podo con cartos públicos.
Que é o que se nos vén encima agora? Pois unha pasteira 10 veces maior que Ence, situada nun enclave de alto valor ecolóxico, á beira dunha zona ZEC e próxima a un dos poucos espazos rede natura de Galicia.
O seu consumo de auga diaria será o mesmo que o de todos os habitantes da provincia de Lugo, 46 millóns de litros de auga ao día, deles 30 millóns de litros de auga se verterán tratados pero contaminados no río Ulla, imaxínense o caudal deste río e agora engádanlle 30 millóns de litros ao día contaminados con compostos químicos.
Un pouco máis abaixo, o río Ulla desemboca na ría de Arousa, outro dos enclaves cun altísimo valor ambiental, social e económico, xerador dun número moi elevado de empregos en Galicia. Pois este espazo recibirá ao ano 10.950.000.000 de litros de auga tratada pero contaminada.
A instalación de Altri viría a perpetuar e agravar o modelo económico actual, un modelo que pasa por encima do medio ambiente e da sociedade e que nos nega a posibilidade a 2,7 millóns de galegos de gozar da nosa contorna.
Actualmente a comarca do Ulla está en pé de guerra contra este proxecto, os que viven alí non queren ver destruída a súa terra en prol dunha empresa que, para os que non o saiban ten detrás a Greenalia.
A única opción: a loita social
Esta vez podemos dicir que todos estamos enterados do que pasa, seremos capaces de facer algo agora? seremos capaces de defender o noso?
Se non queremos arrepentirnos dentro de 10 anos e que os nosos fillos se pregunten por que ninguén fixo nada mobilicémonos agora, acudamos a manifestacións, apoiemos ás plataformas que loitan contra o xigante, presentemos alegacións, fagamos fronte a aqueles que pretenden expoliar un patrimonio que é de todos para satisfacer as ambicións económicas duns poucos, que por outra banda sempre son os mesmos.
Quen crea que isto non vale de nada está moi equivocado, é exactamente iso o que pretenden que a sociedade pense.
Isto só pode pararse coa mobilización social.
Ligazón para descargar modelo de alegacións (prazo para presentalas ata o 17 de abril): DESCARGAR MODELO
Podes atopar máis información en:
Plataforma Ulloaviva en Facebook: https://www.facebook.com/ulloaviva/
Plataforma Ulloaviva en Instagram: https://www.instagram.com/plataformaulloaviva/
Ecologistas en Acción: https://www.ecologistasenaccion.org/312440/como-personarse-como-parte-afectada-polo-proxecto-gama-de-greenfiber-altri/
Ecoloxistas en Acción: https://ecoloxistasenaccion.fala.gal/
Amigos de la Tierra: https://www.tierra.org/organizaciones-ecologistas-pedimos-al-gobierno-que-no-destine-dinero-publico-al-danino-proyecto-de-celulosa-en-a-ulloa/
M.R.