Tiempo de lectura: 5 minutos

Morchella dunensis, unha xoia das dunas galegas

Post modificado el 15 Marzo, 2022

A Morchella dunensis é unha desas xoias que podemos atopar nalgúns dos poucos sistemas dunares que escaparon ao frenesí de paseos marítimos e urbanizacións que esnaquizaron boa parte da costa galega. Nas dunas viven algunhas das especies de flora, fauna e fungos máis asombrosas e ameazadas de Galicia. A Morchella dunensis, para algúns autores Morchella esculenta var. dunensis, é unha delas.

Morchella dunensis no sistema dunar de Baldaio (Concello de Carballo). Nesta praia viven algunhas das especies animais, vexetais de de fungos máis asombrosas e ameazadas de Galicia. Foto do 14 de marzo de 2022.

Cogomelo que sae a finais do inverno

Moita xente asocia os cogomelos ao outono, esta seta ven a mostrar que non é así. Este cogomelo sae en primaveira, e incluso antes, os exemplares deste artigo foron fotografados o 14 de marzo de 2022, é dicir, aínda en inverno. En canto á súa localización, podémola atopar tanto no mesmo fronte do cordón dunar, cara ao mar, no medio da ammophila, coma no interior, en claros na metade da duna gris.

Morchella dunensis en Baldaio
O sombreiro deste cogomelo pode ser case redondo ou, como o da foto, de forma máis alongada.

Non vale a pena comela, déixaa estar

Moita xente pregunta pola comestibilidade deste cogomelo. Ao respecto hai que dicir dúas cousas. A primeira é que as dunas son sistemas sumamente sensibles, protexidos pola lexislación e que non deben pisarse agás causa xustificada, e coller setas para comer non o é, segundo, quen probou este cogomelo (o autor deste artigo non o fixo, nin pensa) asegura que é imposible limpar a area que se acumula no medio dos alvéolos. Por estas dúas razóns, á Morchella dunensis, unha marabilla da adaptación ao medio dunar, mellor deixala en paz.

En moitas ocasións o pé da Morchella dunensis aparece totalmente enterrado e só sobresae da area o sombreiro mostrando perfectamente os seus alvéolos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

linkedin facebook pinterest youtube rss twitter instagram facebook-blank rss-blank linkedin-blank pinterest youtube twitter instagram